Os corpos invisibles

presentación_emma_33.jpg

Estudou o que estudaban as mozas que podían pagar en tempo, comodidade e cartos: algo de xeografía por se casaba con algún almirante destacado en colonias, francés para saber pronunciar os perfumes e os deliciosos manxares que se comían tres veces ao día, música para deleitar visitas, debuxo para entreterse e non enredar en cousas peores, e composición floral. Alén de ler, escribir, contar e rezar, que llo ensinara a curta idade unha institutriz que a erguía co reloxo de sol das cortinas descorridas. O resto foillo roubando ao aburrimento e á biblioteca herdada do seu pai e do pai de seu pai, e este, do seu. Porque a cultura é todo iso que queda como un pouso despois de esquecer todos os libros que lemos. 

Emma Pedreira nunca deixa de sorprender. Cando unha xa cre que viu a súa mente dende todas as perspectivas, ela continúa a innovar, a crear novos mundos e a retrucarlle as súas lectoras. Un golpe na mesa é o que dá con Os corpos invisibles (2019), recordándonos que aínda lle quedan moitas mentes por remexer e por cambiar. Desta volta, faino no eido xuvenil, situándose no podio grazas a conquerir o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Malia un deosto desta literatura ancorada en amplos sectores da sociedade, unha visión chea de clixés que concibe esa póla da escrita como infantiloide e que nada pode aportar ás adultas, a coruñesa demostra que iso non é certo. Este é un libro apto para a xuventude, mais tamén para as maiores, pois co cambio no paradigma literario son quen de deterse máis na súa lectura e asimilación.

Loretta escoitaba sen saber moi ben que significaban todas aquelas palabras, pero o feito de estaren alí reunidas, a aquelas horas, seis mulleres e ir falando dos seus desexos e os seus dereitos, ir sacando a pacer baixo a luz da farola palabras como convenio, dereitos ou sufraxio, quitáballe o sono

Prometea Stoner e L.C. son as dúas mulleres que enfiaran toda a novela. A clase social que as separa non será un impedimento para que ambas se unan nun todo que revoluciona a obra e as persoas que toca. Porque nela, porase en evidencia a desigualdade da muller na época victoriana, unha desigualdade transversal que alcanzaba a todas. Tamén deixará pendurada unha reflexión moi potente: a meditación arredor dos avances tartarugueiros neste campo.

Mais, se hai algo que me agradou especialmente, foi a esperanza e a ilusión que se transmite na obra cara o poder da tribo, das persoas agrupadas cun fin común. Un cambio que pode chegar a ser universal e que parte dos feitos que todas, unidas, levamos a cabo. Esta idea, que Pedreira colle dunha forma máxica, toma forma na rebelión das mulleres contra os abusos do patriarcado, da cohesión das mesmas co obxectivo de irse achegando á igualdade e a unhas condicións de vida dignas. En resumo, unha idea que, condensando o libro, nos fala de como crearmos o noso futuro.

Por Daniel Chapela

Ficha técnica:

9788491215844

Título: Os corpos invisibles

Autora: Emma Pedreira

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 208

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: