A beleza é vermella coma unha cunca de cereixas. A miña primeira profesora de pintura adoitaba dicir iso. É o primeiro que me vén á cabeza. Desboto o pensamento porque resulta irracional. Pero non podo apartar a vista do chan do cuarto. Acode á miña mente a imaxe dun vestido branco e inmaculado sobre un enorme círculo de xelatina de amorodos que vin unha vez nunha mostra de arte moderno. Lembro o vestido. O brillo vermello da xelatina. Lembro o recendo salvaxe dos amorodos. Cando volvín ás dúas semanas, a xelatina comezara xa o seu proceso de descomposición. Pregúntome cando comezará a podrecer este chan.
Morte, cereixas, sangue, vermello, arte… Tras o éxito obtido con Deixe a súa mensaxe despois do sinal, Arantza Portabales estréase na novela negra da man de Beleza vermella, unha obra con certos toques clásicos e na que vislumbramos unha gran influencia de Agatha Christie.
Xiana Alén é asasinada no seu cuarto, e só ás outras seis persoas presentes na casa puideron ser as que cometeron o horroroso crime. A partir deste argumento, configúrase unha trama de círculo pechado na que coñecemos as intimidades dunha familia, así como das policías que investigan o caso. Dese modo, as relacións familiares e a dicotomía entre os propios membros das mesmas centran boa parte da novela, poñéndose isto de manifesto coas numerosas analepses que nos retrotraen a infancia das irmás Somoza.
-Dixo que era un pracer non seguir traballando para unha filla de puta maquinadora e fría. E que marchaba el sen necesidade de que o botase eu. Tamén me desexou que algún día me sentise como o fixen sentir eu a el. Como unha merda.
-Desgustouse vostede?
-Fai falla moito máis que iso para desgustarme. O insulto é o último recurso dos mediocres.
-Soubo algo máis del?
-Non. Tivo a elegancia de non vir ao tanatorio.
-Falando do tanatorio, chamoulle a atención a presenza de alguén?
Sara Somoza elevou as cellas e puxo os ollos en branco.
Portabales escribe unha novela áxil e veloz que prescinde de aquilo que adormece a lectura, o cal se ve mellorado polo uso de capítulos curtos e ben delimitados argumentativamente. É así, cunha linguaxe clara e precisa, que consegue crear unha gran tensión ao longo de toda a obra, algo que fai que resulte sinxelo somerxerse na mesma.
Pero, se hai algo ademais da gran tensión que consegue deleitar a quen le, é esa capacidade amosada pola donostiarra para afundirse na psique de Lía Somoza, a tía de Xiana Alén. Esta trata de suicidarse en varias ocasións, e dese modo é esmiuzado o seu cerebro e o seu comportamento, algo que consegue facer de forma mestra e que remata por colocar a obra no cume da literatura policial galega.
Por Daniel Chapela
Ficha técnica:
Título: Beleza vermella
Autora: Arantza Portabales Santomé
Editorial: Galaxia
Páxinas: 424
Ano de publicación: 2019
Responder