Érguete
sempre.
Chimpa o croio por nós todes.
Sementa o trigo na seara,
embaixo das luces azulísimas,
represoras,
das súas sirenas.
Un berro parido das entrañas dun eu poético rebelde escapa de Transmatria (Daniel Asorey), o XXI Premio Johan Carballeira de Poesía. O título do poemario pon sobre o aviso do que imos topar en canto os nosos ollos se pousen na primeira folla, unha nova matria para todas aquelas persoas que sempre foron desterradas da sociedade hetero(xerontocrático)patriarcal, para esas que sempre foron os xoguetes rotos nunha sociedade retrógrada.
Dese modo temos ante nós a loita (e o alento) da revolución, da instigación a que todas aquelas sempre silenciadas, sempre ignoradas por unha humanidade deshumanizada, coñezan ese lugar no que sermos, dunha vez por todas, libres.
Axudáronnos a ser unha soa,
a masa sobre a que disparan as súas armas,
os dedos que brincan nas pantallas.
As revoltas partilladas cada noite.
Fixéronnos tan dócilas,
boas.
Tan fermoses e obedientas
que non agardan o comezo.
Sermos
a decisiva e impronunciable
verdade que derruba os muros.
Abatermos para sempre a historia contada
na violencia
cotizable dos mercados.
Cunha linguaxe moi ben escollida, coa palabra sempre exacta e precisa, coñecemos unha gran nova voz poética, unha voz que se amosa chea de carraxe contra o mundo no que vivimos e, sobre todo, insubmisa. Mais, o compostelán nos deixa un chisco de esperanza, pois “xs outrxs” temos o poder de derrubar cancelas e cambiar a historia.
Por Daniel Chapela
Ficha técnica
Título: Transmatria
Autor: Daniel Asorey
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2019
Páxinas: 72
Responder