Entrevista a Carlos Lixó: “Non creo que exista a uniformidade. A diversidade acaba rompendo por todas as fendas”

Carlos Lixó ten un naufraxio nos ollos mentres tomamos un café e falamos da obra As casas, o poemario gañador do XXX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

P. Agora mesmo vivimos un rural após o rural. Ves factible que este sobreviva a unha nova revolución ou acabaremos nunha sociedade distópica cunha epidemia de uniformidade?

Malia que na Galiza o proceso foi moi brusco, este está a acontecer en todo o mundo, tanto a urbanización como o abandono do rural. No século pasado foi a uns ritmos que nunca tiveran lugar na nosa terra, posto que aqui o que aconteceu foi un proceso traumático. Se ben en lugares como Inglaterra este mesmo proceso se inicia no século XVIII, na Galiza é a partir dos anos cincuenta/sesenta do século XX que se alteran os modelos de poboamento que viñamos a ter. Pese a iso non creo que isto acabe nunca nunha uniformidade, dado que cando isto ocorreu, como foi no caso do Imperio Romano, este acabou derivando nunha Idade Media coa Europa máis diversa.

WhatsApp Image 2019-02-10 at 17.00.07P. Son figuras moi presentes no teu poemario as de persoas que facían un chalet agardando unha vida mellor. Do mesmo modo, ese cambio aconteceu tamén cando a familia deixa de falarlles en galego ás crianzas como un intento de axudalas a ter un bo futuro. É factible unha reversión dese efecto ou a lingua galega está condenada a extinguirse?

Eu son moi pesimista. Non é imposible que haxa agora un punto de inflexión e cambie a deriva que estamos a vivir, pois se socialmente unha comunidade humana de calquera tipo adquire un compromiso con algo, pode salvarse. Porén, o que non vai acontecer é que o galego viva de maneira espontánea como aconteceu ata o de agora, dado que os mecanismos de transmisión estándares e naturais romperon dunha forma moi repentina. Con compromiso é factible, posto que estamos a falar dunha lingua que todxs xs galegxs entenden, que ten uns resortes culturais débiles pero moi resistentes…

P. Mais, poderá ter lugar ese compromiso nun mundo cada vez máis globalizado e no que moitas persoas novas teñen que emigrar?

A decadencia da lingua e da cultura está directamente relacionada coa nosa decadencia social e económica. Se valorásemos as nosas particularidades, os nosos sectores produtivos, a nosa arquitectura tradicional, etc. e puxésemos o país a producir, confiando no que temos, isto ía repercutir de forma positiva no idioma.

978849479062P. As crianzas para ti son o símbolo da vitalidade da aldea. Ao desaparecer elas, a aldea esmorece. Malia ese esmorecemento que vimos vendo na nosa contorna, hoxe seguimos a ter algunhas aldeas de noso, pero sen renovación xeracional. Que futuro lles agarda?

Eu imaxino que todas as aldeas continúan a manter unha certa esencia posto que compartimos uns codigos culturais comúns. Si que é certo que pese a decadencia xeralizada, continuamos a ter rural vivo en algures. En concellos que son moi produtores de leite, por exemplo, hai persoas que viven nun rural que ten sentido por si mesmo, o que acontece é que cada vez son menos esas persoas e o sistema vai a pique.

Mais si que considero que a supervivencia dese rural  é moi relevante para a da propia lingua, porque un mundo que se mantén ligado co entorno dunha maneira práctica de xeración tras xeración, é máis difícil que renuncie aos seus rasgos identitarios dado que ten un vínculo co que fai día a día.  

P. Hai unha cuestión do teu poemario que chama especialmente a atención que é a ausencia de puntos e maiúsculas.  

Paréceme demasiado formal, creo que así ten un toque máis de oralidade. Deste modo é máis fluído, máis desentendido, sen marcar tanto as xerarquías.  

P. Se ben é certo que na literatura galega actual adoita reflexarse a cidade como un símbolo da  liberdade e o rural como un reflexo da captura polo moito traballo, ti eres quen de invertir esa situación ( E rin da xente/ que vive apertada/ día a día a berrar). Como nace a necesidade de cambiar a percepción de quen le sobor este tema?

A cidade ten un problema que consiste na ausencia duns vínculos coas persoas que te rodean que son case obrigatorios no rural. Na cidade tes máis posibilidade de escolla de quenes son as persoas que constitúen esas relacións máis cercanas, pero tamén estas son moito máis débiles. Ademais na cidade, a xente tende a aparentar moito máis, mentres na aldea todo se sabe.

51887580_798422473845466_1780247636201177088_oP. Destaca tamén na túa obra a similitude de temas coa anterior gañadora do Pérez Parallé, Míriam Ferradáns. Por exemplo o uso que fai ela en Nomes de fume do monstro e que ti fas do caranguexo. De onde vén a escolla dese animal en concreto?

Eu emprego o caranguexo buscando en primeiro lugar unha figura que non teña ningunha relación co resto do poemario, e que por outra banda sexa algo que non di nada por si mesmo, é dicir, que non teñamos no noso imaxinario unha idea, un clixé sobre ese elemento, mais que si que esté en certo modo vencellado a aspectos negativos.

Para min ademais ten unha certa relación coa pel; un caranguexo ten pinzas que se cravan, que atravesan, que lastiman e feren.

P. Como nace esa dicotomía entre a vida e a morte que se reflexa na propia aldea?

A min interésame moito como asumimos como propios os relatos que dende un punto de vista práctico non teñen nada que ver connosco. Ata que punto pode ter relevancia o que eu fago neste intre para quen viva na miña casa en cen anos, ou do mesmo modo, as decisións que tomou a miña avoa tiveron un haber en min. Como esas persoas, sen ter nada que ver comigo, foron determinantes hoxe na miña identidade, na miña concepción do mundo, na miña creación literaria…

É por iso polo que realmente non hai unha separación total entre a vida e a morte, dado que hai persoas que están mortas fisicamente, mais que seguen vivas porque as súas historias o están.

P. Como foi para ti o proceso creativo desta obra?

Foi un proceso sensorial no que tiña a vontade de escribir e de falar de determinados temas, mais non tiña a consciencia de que estaba a escribir un libro ata que xa o tiña bastante avanzado. Do que si que tiña consciencia era de que os poemas que eu escribía tiñan certo nexo entre eles e permitían dúas lecturas: en primeiro lugar, uns poemas libres de moito ornamento e cunha lectura fácil, mais que ao mesmo tempo entre eles tecesen unha especie de rede sutil e que deixase facer distintas visións en profundidade.

P. Algo máis que queiras contar?

Que Bueu é unha marabilla. 

 

 

Por Daniel Chapela

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: