Memoria do silencio

50980872_2183540431704519_3520028309582774272_n.jpg
Eva Mejuto firma exemplares da obra  ©Libraría Paz

<<Compartimos que somos persoas, e temos dereito a vivir, e a vivir en paz e sen medo. Na nosa mesa, na nosa casa, sempre haberá un prato de sopa, un lugar onde durmir e onde esconderse para quen o necesite>>, dixo Lola. A vida paga a pena, Bob, sempre paga a pena. Non debiches marchar. Eu tampouco quero vivir nun mundo así, pero teño a certeza de que aínda podemos cambialo.

Após a publicación de grandes obras arredor da Segunda Guerra Mundial (O diario de Ana Frank, O neno do pixama a raias), moitxs criamos que a narrativa que se desenvolve neste periodo de tempo non podía dar máis de si. Porén, Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) dá un gran golpe na mesa con Memoria do silencio, demostrando que non todo está contado e que aínda carecemos de perspectivas e fíos para chegar a comprender e afondar na nosa historia.

É así como a sanxenxina tece unha narración ubicada na Galiza da Segunda Guerra Mundial, nunha Galiza que serve como abastecemento dos alemáns.  A través de tres fíos argumentais diferentes, amósasenos unha trama que axuda a escapar ás persoas xudeas, e que ten un deses puntos de fuxida na vila de Ribadavia. Deste modo, grazas á mestría de Mejuto, somos quen de contemplar a gran dureza e sufrimento da escapada, así como a persecución por parte das tropas xermanas.

-Melindres, pan fresquiño, licor café!

O cheiro a pan acabado de enfornar levou a Günter cara a atrás no tempo, á casa dos avós os domingos. A pesar da calor, o cheiro a pan fresco resultáballe reconfortante, parecíalle o mellor aroma do mundo. A nai cocía uns boliños de pan negro con sementes que gardaba nunha cesta, tapados cun pano, para toda a semana. O día que cocía, sempre agachaba unha onza de chocolate no medio dun dos bolos antes de poñelos no forno.

Se adiviñas cal é, para ti – dicíalle a nai cun sorriso enorme.

“O que non se nomea, non existe”. Emporiso, o foco cae aquí sobre as mulleres. Mulleres loitadoras que queren poñer bombas, vender melindres, dirixir orquestras e reivindicar os seus dereitos. Son elas as verdadeiras protagonistas e heroínas, mais a sociedade heteropatriarcal que dominaba (e domina) silenciou o seu relato. É así como lles dá voz, poñéndolles un megáfono na man e facendo unha memoria do seu silencio. 

O ambiente feminista e inclusivo que crea e rodea a obra vese culminado pola defensa da liberdade, o ben máis prezado e anhelado en todas as épocas da humanidade. Engádeselle a isto o reflexo do desexo da república que quedaba na sociedade, a brutalidade da Garda Civil e do estraperlo que tanto caracterizou a nosa nación durante os anos corenta. Temos ante nós unha obra realmente senlleira e moi recomendable para a xuventude.

 

Por Daniel Chapela

Ficha técnica

9788491214618.jpg

Título: Memoria do silencio

Autor: Eva Mejuto

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 151

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: