Non o saben as estrelas

DIEGO-Alfonsin.jpeg

 

Hai na literatura unha regra ben sabida por todxs que di que hai que engaiolar a quen le canto antes. Esta consigna non lle é descoñecida a Diego Alfonsín, que nos mantén en vilo dende o verso de María do Cebreiro que abre a obra (O que sabemos un do outro non o saben as estrelas).

Cun estilo innovador que mistura a linguaxe narrativa coa poética (A pel de Natsuki cheira a praias amencendo despois das fogueiras/ O silencio era dunha brancura pálida e fariñenta sobre a medina e os morcegos alimentábanse de po de estrelas) se fixo o tudense co XXIV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.

Pensei no derradeiro latexo, nese instante en que todo acaba, no seu silencio minucioso, na súa inmobilidade definitiva. Non sei se é certo, mais escoitei dicir que ás veces o corazón se detén no medio da noite e durante uns segundos deixa de palpitar. Quizais por iso espertei, porque o meu corazón deixara de bater. Verdi pedira silencio. No seu testamento deixara escrito que desexaba un funeral sen música nin solemnidade.

Estamos ante unha obra que narra historias vivas, que pese a que son levadas ao límite da credibilidade son quen de soster sempre o pulso literario para nutrir a lectura. Múltiples persoas de distintos lugares e profesións asulagan as páxinas deste libro tecéndose de forma mestra arredor da vida dun protagonista que mantén sempre un veo de intriga e misterio. A referencia dun hostel como un fogar itinerante e fráxil marca o centro dunha novela na que a pobreza e a precariedade están sempre presentes e acaban aunando a unha gran cantidade de suxeitos nun só ser.

Houbo momentos en que Armando mais eu quedabamos máis atrás, detidos nos puntos candentes da conversa, e daquela podía cheirar o recendo de mar, que os corpos dos meus amigos deixaban na noite segundo avanzaban polas rúas cheíñas de xente. 

Pese a esa aura de tristeza e melancolía que emana a obra, esta consegue sacar un sorriso de ledicia e levar cara un proceso de introspección arredor de diferentes lembranzas, reflexionando sobre valores como a amizade, a complicidade e a solidariedade.

Temos diante unha creación das que deixa pouso e sementa algo novo, unha creación que estou ben seguro que permanecerá durante moito tempo na conciencia colectiva, unha creación que, como os bos libros, melloran co paso do tempo e coas múltiples lecturas.

 

Por Daniel Chapela

9788491214328

Ficha técnica:

Título: Non o saben as estrelas

Autor: Diego Alfonsín

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 94

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: