
Un home cabalgando as olas da literatura eríxese como portada engaiolante e suxestiva do que pode acontecer en Extraordinario (Antón Lopo, Premio Narrativa Breve Repsol 2018), unha expectación que se ve cumprida a medias.
Se ben a novela ten un ritmo moi rápido, trepidante e mellorado por unha gran riqueza léxica que chega a atrapar a quen le, abundan na obra os personaxes estereotipados que desconcertan e nos sacan dese estado de ledicia pola lectura. Temos unha nai que semella unha madrastra propia de Disney, un irmán ciumento e asoballador casado cunha muller pérfida e cruel, unha irmá que fai de comer, limpa, e en resumo, se encarga de facer todo “o que deben facer as mulleres” e un protagonista que case nada malo ten.
Sentía por mamá un amor absoluto pero a luz que lle enchía o ollo era Marcos, o seu fillo maior. Tivérao aos dezasete anos, dez meses “exactos” [sublimaba como certificado de virxindade prematrimonial] despois de casar. Marcos levábame catorce anos [eu nacín por “un despiste”, dicíalle mamá ás veciñas]. Durante catorce anos, el foi un fillo único e ela unha nai unicamente súa, dilatado o afecto nun cigoto sentimental que se quebrou ao nacer eu.
Cunha historia dividida entre un Óscar aínda neno e o seu regreso á cidade natal pola rotura de fémur que sofre a nai , váisenos debullando o proceso creador dunha persoa que ten a aldea como un punto de evasión do negativo da súa existencia. Así, a través de diarios, amósanos esa nenez cunha nai que o maltrata no eido psicolóxico, facéndoo crer que ten estrabismo e mallando nel polo seu corpo, e un irmán que fai da violencia o seu medio de comunicación.
“Que grande!”, exclamou e, sen outro limiar, meteume os dedos na petrina. Ninguén a zugaba como Eladio. Entendía os progresos pracenteiros e adaptaba unha tensión adecuada nos labios para potencialos. Mirábame aos ollos mentres succionaba con dilección.
Ata o irmán Estevo, o profesor de Solfexo en oitavo, sentiu atracción pola lenda dos meus atributos, levedada nas laretas dos alumnos. […] Encantábame compracelos a todos.
Estamos tamén ante unha novela que contén unha perpetuación do falocentrismo na narrativa, cun protagonista que se adica a unha prostitución “boa” e que adora compracer a mulleres e homes co seu pene de épicas dimensións, narrando esceas descritivas de masturbación e felacións. Xorde así a dúbida arredor do que acontecería se quen escribise fose unha muller e a protagonista traballase de meretriz cunha vulva que fixo sentir un pracer extremo xs compañeirxs de clase e se sentise feliz diso. Cales serían entón as críticas cara a protagonista e cara a autora?
Por Daniel Chapela
Ficha técnica
Título: Extraordinario
Autor: Antón Lopo
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 159
Responder