Pese a que nestes tempos estou descubrindo verdadeiras xoias da literatura galega contemporánea, ultimamente ando moi conmocionado con Besta do seu sangue, a obra de Emma Pedreira (A Coruña, 1978) que foi merecedora do Premio Xerais 2018. Na novela atopámonos con Manuel-a Blanco Romasanta, unha personaxe intersexual que sofre un debate interno e externo sobre a súa sexualidade, unha situación que nos fai reflexionar sobre como sería a súa infancia nos albores do século XIX, unha época na que esa circunstancia tería dado lugar, moi probablemente, a múltiples humillacións e maltrato.
Ao longo das páxinas vaise evidenciando unha maior comodidade coa parte feminina, algo que se vai palpando na conversión a lobismuller e na necesidade vital que sinte x protagonista de menstruar. Aparece así un uso do sangue como un elemento de crime, mais tamén como unha normalización da regra na narrativa, unha consumación da reivindicación da autora de introducir as coñecidas como “cousas de mulleres” na cultura.
Manuel chamábase Nela e adoitaba un eu muller na intimidade, pero de pel para fóra era el e era este, ese ou aquel, segundo a distancia de quen falaba.
Estamos ante unha Pedreira que se amosa ás lectoras como unha mestra en crear un ambiente confuso e de terror, un espazo que se enche de desasosego e de angustia ao empregar unha linguaxe fera e sen pudor. A sensación de desacougo vese aumentada coa combinación de diversas voces nunha obra cunha gran fragmentación que conxuga oracións longas con grandes subordinadas e as pequenas frases cunha gran significación. Esta é unha boa mostra da harmonización entre a poesía e a narrativa nun estilo propio que a coruñesa leva ata os límites
Esfolei un coello. Nunca ata agora fixera tal cousa, pero a dor, a sede, a fame, non podo controlalas cando entran en min pola parte non humana. Contaban na miña casa que de criatura xa eu era quen de esmagar un pitiño colléndoo polo pescozo e apertándoo forte coas mans espidas. Ría ás gargalladas ao facer os osiños miúdos aquel croc.
Constitúese esta novela como un exemplo da deconstrución dunha personaxe xa tratada na literatura, pois Romasanta aparece xa retratadx en múltiples ocasións como un homelobo, mais a revisión que aquí se realiza é única na súa especie. Quizais é por iso e polo súa esencia propia polo que esta obra permanecerá sempre nun espazo especial na estantería.
Por Daniel Chapela
Ficha técnica
Título: Besta do seu sangue
Autor: Emma Pedreira
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 114
Responder