
Após gañar o Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, a nova obra de Antonio Manuel Fraga estréase no panorama literario galego da man do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Pese a que en ocasións os libros xuvenís non son do agrado das persoas adultas, isto non acontece coa obra de Fraga, unha novela que reflexiona arredor da amizade e do primeiro amor e da súa importancia na xuventude.
A relación entre Suso e Tila e as aventuras de Anxos Nogueirosa, inmersa nun proceso de investigación para crear un Bestiario Científico, son os dous eixos arredor dos que se articula unha historia na que as descricións de todo o que rodea ás protagonistas (tanto o tempo coma o espazo) se fai de forma exhaustiva e minuciosa, unha historia na que atoparemos os grandes valores que deben inspirar ás crianzas co obxectivo de acadar un mundo mellor, unha historia que, en definitiva, ten todos os “requisitos” para deixar unha pegada en quen a le.
“Aquela previsión de aventura mantívome nervioso o resto da tarde. Pola noite, á hora de me deitar, gardei con disimulo a roupa debaixo da cama. Cando apagaron as luces, vestinme de novo, procurando facer o menor ruído posíbel. Despois agardei un anaco deitado sobre o colchón. Un conxunto de ronquidos suaves foi enchendo devagar a estancia. Notei as palmas das mans molladas pola suor e sequeinas na saba”
O misterio e a intriga son a atmosfera que rodea un libro con personaxes femininas moi fortes que reivindican o seu papel na historia. As vivencias da propia Anxos, unha moza universitaria do primeiro terzo do século XX, amosan a unha muller feminista e afouta que cala no fondo das lectoras como un exemplo a seguir. Tila, sobriña de Anxos e amiga de Suso, manifesta tamén un gran tesón que se vai exteriorizando paseniño. A isto hai que sumarlle o aderezamento que supón as ilustracións de Víctor Rivas, que lle poñen o colofón a tan marabillosa obra, facendo que no correr das follas continúe sempre a nosa curiosidade.
Por Daniel Chapela
Ficha técnica
Título: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa
Autor: Antonio M. Fraga
Ilustrador: Víctor Rivas
Editorial: Urco Editora
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 251
Responder