Cunha linguaxe transgresora, fera, indómita amósase ante nós Cartermóndez (termo acuñado por Emma Pedreira para referirse a un binomio sinérxetico formado por Angela Carter, autora de The Bloody Chamber and others stories, e María Reimóndez, tradutora ao galego da obra) quenes conseguirán asestarlle un duro, brutal e merecido golpe aos contos que Perrault, os irmáns Grimm e Disney lograran asentar como un dos cimentos da cultura infantil e, polo tanto, da sociedade en xeral.
Este conxunto de relatos supoñen un cambio de pezas que foron construídas e encaixadas por unha sociedade fortemente patriarcal, unha sociedade que ensinaba as cativas que debían ser submisas e que en caso de desobedecer ao home un destino fatal ocorrería. Así Carter recomporá as historias e ás protagonistas destas, facendo que sexan elas quenes collan o timón e narren as súas vivencias. Ademais, retiraralle o privilexio aos homes de ser os heroes que salvan á damisela en apuros, facendo que este papel recaia en mulleres, coma no relato A Cámara do Sangue, e que ten a súa base en Barba Azul.
“O segredo da caixa de Pandora; mais el dérame a min a caixa, el mesmo, sabendo que tiña que coñecer o segredo. Xogara un xogo no que cada movemento estaba gobernado por un destino tan opresor e omnipotente coma el, porque o destino era el mesmo; e eu perdera. Perdera naquela charada de inocencia e vicio na que me implicara. Perdera, como a vítima perde ante o verdugo”
As longas oracións repletas de subordinadas, as cores empregadas como símbolos e unha atmósfera recargada e pegañenta crean relatos cheos de horror e de angustia, ubicados en espazos ben definidos como o Castelo de Saint-Michel, e que recrean á lectora nunha sublime ficción gótica.
Así pois, estamos ante unha obra que non deixará indiferente a ninguén, unha novela que fará que escoller unha peza favorita non sexa tarea sinxela.
Por Daniel Chapela
Ficha técnica
Título: A Cámara do Sangue e outros relatos
Autora: Angela Carter
Tradutora: María Reimóndez
Editorial: Urco Editora
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 235
Responder