Mona Otero, unha fotógrafa que detesta traballar en vodas, iniciará un proceso de deconstrución tras a petición de divorcio do seu home, unha transformación na que tentará ser a artista de prestixio que ela se considera. Esa cambio será amosado a través dun fluír interno que acontece durante os desprazamentos en coche, utilizados como o fío condutor da historia. Nos distintos automóbiles que avanzan nas páxinas, coñeceremos cinco Ramonas que semellan os prototipos das distintas mulleres que poden existir.
Monchita vira a cabeza cara a ela con incredulidade, con preocupación, con esa mirada que se lle pon a calquera cando sente reparo, esa especie de vergoña allea por estar presente cando outra persoa está sendo humillada. A Mona Otero córtaselle o sorriso. Entende.
Na chegada a Ourense da primeira locomotora, Curros Enríquez falaba xa sobre o tren coma unha vía de entrada da luz e do progreso, como un elemento vertebrador do territorio, testemuña que recolle Ana Cabaleiro (gañadora do Premio García Barros 2018) como un símbolo da Galicia que puido ser e non foi. O libro é unha boa mostra da Galicia periférica, entendida así tanto de forma estatal, como dentro da propia Comunidade o é o rural, sempre en contraposición coa cidade. Mais Cabaleiro non nos amosará ese rural que acostumamos ler, agrarista e desfasado, senón que creará unha mestura entre a tradición e a modernidade, conxugando unha memoria toponímica, lembrando e revitalizando uns nomes que van caendo no esquecemento coa despoboación paulatina das aldeas, e a aparición das novas tecnoloxías coma no BlaBlaCar que Mona utiliza para desprazarse. Conseguirá actualizar, polo tanto, o rural da literatura galega mais mantendo parte da súa esencia, conseguindo ser o refuxio ao que a protagonista voltará no momento de maior decadencia e dende o que tentar rexurdir das súas cinzas artísticas.
Tras a súa primeira obra (Sapos e sereas, Editorial Galaxia), Ana Cabaleiro mostra un maior dominio da linguaxe, utilizando as palabras precisas e de modo natural, conseguindo unha lectura áxil e dinámica que fai que a lectora devore esta novela coa apetencia de descubrir o final.
Por Daniel Chapela
Ficha técnica
Título: As ramonas
Autora: Ana Cabaleiro
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 169
Responder