Por Daniel Chapela
A mestría e experiencia de Eli Ríos na poesía e na narrativa cristalizan nesta distopía que pode non chegar a ser un futuro hipotético, senón unha realidade que hoxe tentan invisibilizar as grandes corporacións excepto en pequenos resquicios que podemos chegar a albiscar. O caso dun xardineiro que denunciou a empresa Monsanto por un cancro terminal deu a volta ao mundo, amosando a realidade dunhas grandes empresas que xogan coa saúde e coa vida das persoas co único fin de engordar os seus petos e de subir nas cotizacións en bolsa. Disto que chega a arrepiar a esencia básica da civilización é do que fala a coruñesa en DX, dunha sociedade que no 2030 é vítima da megalomanía dun home, dunha persoa que desexa situarse na cúspide dunha nova pirámide social.
O corpo abanéalle en convulsións dolorosas. O shock deixa paso a unha agonía interminábel. Quizais a única persoa que podía considerar amiga nesta empresa, quizais a única persoa coa que non lle importaba mostrarse como realmente era. Sen disfraces. Sen frases feitas.
A través de Andre e Morgan, dúas personaxes da novela carentes de sexo, a autora guíanos mediante unha pluma áxil e engaiolante polos feitos que acontecen dentro dunha compañía de cosmética após un descubrimento utilizado para abanear os piares da civilización. Dende dúas perspectivas, a dun narrador omnisciente e un protagonista, amósasenos a dúas persoas nun proceso de deconstrución causado polo risco dunha morte segura, mais sempre cun tratamento natural e sinxelo, con poucos adornos nin rimbombancias, tal e como fixera xa Ríos en Luns.
É por isto polo que a novela enfeitizará a toda persoa que se decida, por ter un estilo cotiá e veloz, que nos atrapa entre as follas dun libro que nós deixa coa cuestión vital de se esta distopía será ou non real.
Ficha técnica
Título: DX
Autora: Eli Ríos
Editorial: Urco
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 166
Responder