Por Daniel Chapela
Acollín nas miñas mans este novo libro de Inma López Silva cunha gran expectativa e curiosidade, posto que a viguesa conta xa cunha gran bagaxe na escrita e, sobre todo, nuns libros que militan no Feminismo do F maiúsculo. Após a publicación de Maternosofía, Memoria de cidades sen luz ou Aqueles días en que eramos malas, reflexiona cun ensaio sobre o machismo no mundo da cultura. Ese espazo, que moitas temos como aillado de todos os males que asolagan á sociedade, é espido ante nós mediante o fío da reflexión e da anécdota.
Non esperedes atopar as respostas a este mal endémico da humanidade, nin tan sequera o leades coa esperanza de rematar cunha sorte de ledicia. Os feitos que ao principio provocan un pequeno riso, van deixando un pouso amargo nas lectoras a medida que as páxinas avanzan.
E así, para integrar a nosa principal referente cultural no discurso ideolóxico do nacente nacionalismo galego, houbo que adaptala á imaxe da muller que non era, pero que, en realidade, a precedeu coma un estandarte ao longo de máis dun século: a nai, a doente, a santa.
Inma fala aquí sobre o patriarcado, sobre a permanente cuestión de con quen se deitaron para estar aí, sobre os aires de superioridade cos que, en pleno século XXI, seguen a mirar ás mulleres. Os teitos de cristal que moitos negan están presentes no libro, ao igual que o baleiro baixo os pés exemplificado tamén nunha reixa no chan na que se coan os tacóns.
Pero, tal e como relata esta mestra da ESAD, todos eses comportamentos dos “machos” manifestan un medo cara perder a importancia e a relevancia pública, un medo a perder o statu quo que manteñen dende tempos inmemoriais e que co movemento feminista iniciado pouco tempo atrás está vendo aparecer as primeiras fendas.
Ao remate do libro unha gran cuestión me preocupa: algún día se acadará a igualdade e a liberdade?
Ficha técnica
Título: Chámame señora, pero trátame coma a un señor
Autora: Inma López Silva
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 188
Responder