Entrevista a Xavier Alcalá

alcala-1aVelaquí parte da conversa que mantiveron a poeta Míriam Ferradáns e o escritor Xavier Alcalá o pasado 2 de outubro na presentación de The making of na Axencia de Lectura de Meiro. Unha delicia de entrevista:

O título da súa útima novela, The Making of, xa advirte o lector de que estamos ante un proceso de descuberta. A tradución deste título sería algo así como “Como se fixo”. Como pensou Xavier Alcalá esta novela? Como fixo vostede o making of de The Making of? Ten algo que ver a estrutura da novela co feito de que no ano 2007 depositara na RAG seis orixinais de novelas onde se pode ver como se vai ensamblando o proceso creativo?

O título da novela corresponde a unha vella teima miña, que xa se mostraba en Tertúlia, a novela “escandalosa” que –despois de esgotar axiña unha edición de 3.500 exemplares– non foi replublicada nin polo editor, Sotelo Blanco, nin por ningún outro.

Sempre me perseguiu a idea de que hai un “como se fixo” por tras de cada obra. En The Making of fixen unha reportaxe novelada de como nos chegou ao Cholo Rey (convertido en personaxe) e a min o coñecemento dunha historia incrible, se non fose porque o Cholo conseguiu os expedientes policiais e xudiciais do caso. Levounos moitos anos –coido que quince– madurala.

Un enxeñeiro de telecomunicacións que viaxa con frecuencia á Arxentina e –dentro dela– á Patagonia recibe o encargo de facer unha investigación sobre un galego emigrado e desaparecido. El será os nosos ollos en boa parte da novela. Por que ese enxeñeiro non ten nome?

Non fai falta saber como se chama. Ao lector só lle pode causar certa curiosidade que un tipo “non de Letras” teña a teima de escribir. En todo caso, haberá no texto un intento de demostración de que todos somos fabuladores, con independencia da nosa formación (velaí o Xavier Queipo ou a Antía Yáñez). Tamén, se cadra, pódese ver que os “de Ciencias” temos tendencia a investigar con rigor porque a falta de rigor nas nosas profesións se paga moi cara (se non funciona un cabo de fibra óptica non lles chega a Internet aos usuarios e non hai desculpas).

Vostede describe aquí unha emigración pouco traballada na literatura e no imaxinario colectivo de quen xa non viviu esa emigración de preto. Definiría vostede The Making of como unha novela innovadora? E como unha novela documental?

Non sei canto pode ter ese texto de innovador porque non son “técnico” da Teoría da Literatura. Ora, a cantidade de documentos que manexei para aterme aos feitos históricos foi moita. E contei con dúas axudas fundamentais: a sagacidade de sabuxo xornalista do Cholo Rey e a memoria dos vellos galegos perdidos “ao sur do mundo”. Non esquezamos que os profesionais da Historia Contemporánea, sobre todo nos eidos do silenciado por medo a tocar en “asuntos sensibles” (coma a presenza dos nazis na Arxentina), se valen da memoria viva das testemuñas dos feitos.

Comodoro Rivadavia, “a cidade do vento e a lata”. Que nos pode dicir dese lugar?

É unha poboación con historia curta, cuxo nome comeza a soar en Buenos Aires (a 2.000 quilómetros) cando, facendo un furo para conseguir auga, xorde unha explosión de gas e petróleo… Iso coincide no tempo co inicio da automoción e, de aí en diante, o que era un pequeno posto de embarque de lá de ovella vaise converter nunha cidade de 200.000 habitantes. O feito de estar nun ermo, sen madeira sequera para construír, fai que da nada xurda unha grande poboación de lata cincada que non había contar con edificios sólidos ata os anos 40 do século pasado. Todo nela xira arredor do “ouro negro”. Curiosamente, sábese no mundo dese lugar estraño pola presenza nel de Saint Exupéry nos seus tempo de piloto da posta aérea.

O primeiro zeppelín, as esvásticas, os desfiles, as estratexias, os “paseos de rojos” en avión durante a noite… A presenza dos nazis é perturbadora e definitiva na obra. Que nos pode dicir, sen desvelarnos moito, do seu papel na mesma?

Julio Mutti, o investigador histórico, contrastou as “aventuras” que nos contaban o pai do Cholo e os outros vellos do Centro Galego de Comodoro. El insiste en que na Arxentina o tema dos nazis é tabú porque caeu o III Reich; mais que, se os alemáns chegasen a gañar a guerra, aínda se falaría con orgullo da xermanización do país. Esa xermanización xurdiría en parte como reacción nacionalista á prepotencia da British Community que se fora facendo dona da Arxentina por vía da colonización, logo de fracasar no intento de sometela coa invasión de comezos do século XIX (contra a que se distinguiu o “Tercio de Gallegos”). Desde a fin da I Guerra Mundial, o futuro almirante Canaris xa andaba a procurar lugares para bases da Kriegsmarine na Patagonia. E Perón acolleu todo canto xerifalte nazi chegou á Arxentina logo da derrota… Hai moito que contar dos nazis na Iberoamérica, pero o Historia Oficial da Arxentina tenlle medo ao asunto.

Os personaxes desta novela, na súa maioría, non son cómodos para o lector. Os seus comportamentos son límite e espertan desagrado e antipatía. O protagonista é un ser bastante repugnante pero, non obstante, parece por momentos que ten unha migalla de alma e é difícil non sentirse contrariado cando o desenlace. O contrapunto de Pedreira, home comprometido e íntegro que loita polo que cre arriscando a súa vida, fiel aos seus amigos, ou a señora Elvira que nunca desaparecerá das súas vidas, sempre botándolles unha man… Como traballou os personaxes?

Durante os anos que durou a redacción das sete versións que fun facendo, compartín moita conversa co meu veciño de casa Xabier Docampo (que andaba a escribir a súa espléndida A nena do abrigo de astracán). El insistíame en que eu teño moita imaxinación, e eu respondíalle que non. Do que si me gabo é de ser observador de persoas e comportamentos, e de saber mesturalos e envasalos debidamente. Todos os personaxes de The Making of son fillos de persoas reais, ao punto de que o señor Rivas é cuspido polo meu amigo Ciprián Rivas, e que o señor Silva é claro retrato do meu outro amigo Xosé Manuel Silva. O Coghomelo é parecidísimo a un emigrante que coñecín en Venezuela, moi caco pero que nunca deixou de mandar cartos para “estudar” os fillos. O Pereira veume á cabeza lembrando un comunista galego –enlace da guerrilla ata que tivo que fuxir en 1950– que coñecín en Cuba. Sobre dona Elvira permítaseme non revelar a orixe pois “o cabaleiro fainas na cama pero non conta quen foi a dama”.

O sexo e a comida están presentes en cada páxina da novela. Ambos son tratados como elementos de reminiscencia. O sexo, non obstante, adquire unha importancia vital na obra. Por que esa presenza tan acentuada?

Revisando os documentos policiais e xudiciais dos sucesivos crimes en que se veu metido o Coghomelo, volvendo ao emigrante en Venezuela que me deu ideas e sumándolle as miñas experiencias de trato con homes, non me parece nada esaxerada esa constante ansia de procurar satisfacer as necesidades máis primitivas. O Coghomelo non tiña máis diversión “intelectual” cá do xogo. Daquela, a un tipo pequerrecho, desprezado por “petiso”, ¿que lle andaría continuamente pola cabeza? Sobrándolle testosterona, a actividade sexual para el era a súa vinganza contra os homes grandes, que –por envexa– odiaba especialmente. Moitas mulleres eran do seu tamaño. Non podía aspirar a máis (ás altas, alemás ou rusas, chamáballes “elefantas”).

Ve vostede trazas d’A Esmorga nesta novela?

Mesmo sendo grande a miña adoración pola novela capital do vello amigo Eduardo, coido que non. Tal vez coincidan os textos no aspecto dos comportamentos primitivos, pero non máis.

O protagonista pasa polo cárcere, é colaborador das chamadas casas de tolerancia, apoia ao Terceiro Reich, etc. Con todo, o seu final non deixa de ter algo de ridículo. Foi un acto de xustiza poética ben planeada polo autor?

Nin moito menos. É o que está minuciosamente relatado nos documentos policiais. Foi así. Non ten nada que ver con este horror cotián dos asasinatos de mulleres nos nosos tempos. O que chama moito a atención neses documentos é a insistencia dos investigadores policiais sobre a procedencia da arma do crime. E debo aclarar que na versión antepenúltima a novela non acababa como se publicou: había unha coda explicatoria baseada nos últimos expedientes que atopou o Cholo. Pero o Carlos Lema, director editorial de Galaxia, díxome “a historia acaba co tiro” e eu obedecín, porque quen arrisca os cartos e o prestixio dun libro é a editorial (e –non o esquezamos– eu son socio de Galaxia e membro do seu consello de administración).

Boa parte das súas novelas están ambientadas en Iberoamérica. Cada quen fala do que sabe?

Evidentemente. A cadaquén a vida lévao por aquí e por alá. Por moitas circunstancias, a min levoume ás Américas, do Quebec á Terra dos Lumes (que así lle deberiamos chamar, polos lumes sobre a costa que vían os mariños). Principalmente andei pola Arxentina e aí fican, alén das novelas de ambiente arxentino, Arxentina Viaxes no País de Elal, libros de viaxes, máis Argentina, o libro de reportaxes.

Os personaxes loitan pola Patria, son expulsados da Patria, negan a súa patria… Cal é a patria, se é que a ten, de Xavier Alcalá?

A miña patria sen dúbida é o país ao que inmigrei por casualidade. Din que un é de onde fixo o bacharelato (ou sexa, onde pasou a adolescancia). Ora, eu xa aprendín a ler en Ferrol, na “preparatoria” do Instituto Concepción Arenal, onde, na aula de Lengua Española, o profesor nos dicía “A ver, niños, como se ha de escribir ahogar” e nós diciamos “Con hache intermedia porque en gallego se dice afogar”. Xa o contei en A nosa cinza

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: