Tras dous anos de intensa programación cultural, a Axencia de Lectura de Meiro organizará durante todo o mes de outubro múltiples actividades co obxectivo de celebrar esta efeméride.
Na presentación da programación dos actos, estiveron hoxe Pablo Portela e Xosé Antonio (Seso) Portela, presidente e vicepresidente da A.VV. A Morada, Daniel Chapela, o voluntario cultural da Axencia, e Teresa López, concelleira de Sanidade e Educación.
A programación se inaugurará o martes 2 de outubro ás 20h coa presentación do último libro de Xavier Alcalá, The making of, quen estará acompañado no evento da poeta de Bon, Míriam Ferradáns.
A esta actividade lle seguirá o 9 de outubro ás 20h a presentación de O xardineiro dos ingleses, obra gañadora do Premio García Barros 2017, e que presentará o seu autor, Marcos Calveiro, quen estará acompañado de Daniel Chapela.
A seguinte cita será o sábado 13 de outubro ás 10h cun roteiro polos Muíños do Canudo que contará cun relato sobor a vinculación deles coa vida na aldea.
Xa o martes 23 ás 20h terá lugar a presentación de Querido H.P. Lovecraft, obra gañadora do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, nun acto no que estará presente o autor, Antonio Manuel Fraga, acompañado de Daniel Chapela.
“A xoia da programación”, tal e como afirma Daniel, será o acto de aniversario que terá lugar o venres 26 ás 20h e que contará cun recital no que estarán presentes gran parte das poetas do Morrazo (Míriam Ferradáns, IsmaelRamos, Dani Costas, Xosé M. Millán e Luís Chapela), ademais do micro aberto. O acto se complementará cunha pequena peza teatral e coa entrega do Premio Embaixadora da Cultura, impulsado este ano dende a Asociación de Veciños e que recaerá nunha persoa nova vencellada coa cultura e coa Aldea de Meiro.
Como peche da programación terá lugar o sábado 27 a partir das 16h n´A Morada un magosto con xogos populares de balde. Ademais, este ano organizarase un torneo de Tiro a chave por parellas mixtas, que se celebraráno mesmo lugar ás 17h e para o que será necesario realizar unha inscrición de balde ata media hora antes de comezar o torneo. O agasallo para as tres mellores parellas será unha cea en Casa María (Ermelo).
Ademais, neste mes de outubro a Axencia organizará unha actividade de difusión de versos de oito poetas galegos, polo que exporán en múltiples locais de Bueu, nos institutos e na propia rúa, a obra de Gonzalo Hermo, Míriam Ferradáns, Lucía Novas, Tamara Andrés, Ismael Ramos, Alfonso Láuzara, Xosé M. Millán e Francisco Cortegoso.
“Durante estes dous anos a Axencia simbolizou o rexurdir dalgo morto que revitaliza a cultura, ademais de ser sempre colaborador inmediato da biblioteca escolar e o seguirá sendo, xa coa implicación tamén na Segunda Feira da Ciencia e Literatura” explica Carmen Miñambres, profesora responsable da Biblioteca do IES Johan Carballeira. Neste periodo de tempo a Axencia logrou ampliar as súas actividades, entre as que se achan as presentacións literarias, os recitais poéticos, os obradoiros, as rutas de sendeirismo… ademais de consolidar o club de lectura mensual, polo que xa pasaron escritores como Inma López Silva, Xosé Monteagudo ou Francisco Castro e que proximamente visitará Arantza Portabales.
O obxectivo agora de cara o seu terceiro ano é “a consecución de diversas dotacións por parte do Concello e unha maior implicación da veciñanza neste proxecto socio-cultural que xa está asentado” afirmaba Pablo Portela, ao que Teresa López engadía “o apoio do Consistorio a todos os proxectos que consigan por o alcance da xente a cultura” ademais de agradecer o traballo nese eido da Asociación veciñal.
Deixar unha resposta