Pequenas xoias literarias I

As nosas pequenas xoias saen ao xardín
As nosas pequenas xoias saen ao xardín

Estamos inmersos nun mundo no que a inmediatez prima cada vez máis, o que implica que o tempo dedicado ao lecer tende a ser menor e, por extensión, a literatura perde espazo nestes pequenos momentos nos que os seres humanos nos esquecemos de todo para somerxernos nunha historia que nos faga esquecer por uns intres a realidade e o estrés do día a día. Pois ben, desde a Axencia de Lectura de Meiro queremos propoñervos unha serie de libros para ler nunha tarde, libros que son pequenas xoias e que poderedes ler na praia, no sofás das vosas casas mentres saboreades un gorentoso café (ou unha infusión) ou simplemente na terraza dunha cafetería cunha bebida refrixerante. Velaí van as nosas propostas que, por certo, poderedes atopalas nas nosas instalacións:

  • Primavera con una esquina rota, de Mario Benedetti: Aínda que moit@s de nós coñezamos ao Mario Benedetti máis poeta, o certo é que tamén escribiu libros cheos de loita política e a través dos cales fai reflexionar aos lector@s. En concreto, Primavera con una esquina rota trata dunha sociedade fracturada pola represión e o autoritarismo, e intenta ser unha ponte entre o Uruguay baixo a ditadura e o Uruguay no exilio. Destaca nesta novela a capacidade do autor para combinar tenrura, denuncia, paixón, amor e Historia, e a transmisión dunha mensaxe clara de esperanza. Porque, aínda que mutilada, a primavera relevará por fin un inverno que se anunciaba inacabable.
  • Xeración perdida, de Francisco Castro: O autor vigués, e agora director da Editorial Galaxia, acompañounos na tertulia literaria que organizamos no mes de xuño, e por iso nos lembramos dun dos seus primeiros libros, Xeración perdida. Esta novela narra a historia dun “camello” e de toda unha xeración, de todos os que caeron na droga e tentaron sobrevivir nun mundo de lobos. Ricardo aparece aquí como o protagonista, aínda que o autor retrata a todo un pobo e durante un momento determinado, como foron os anos oitenta. Non podemos esquecer as reflexións filosóficas que están presentes en toda a novelística do escritor e que fan que nos paremos a pensar a cada intre e en cada parágrafo.
  • Nada, de Carmen Laforet: o libro de Nada retrata o tempo da posguerra e como moitas familias e persoas tiveron que sobrevivir sen poderen ser eles mesmos. Nada é un claro exemplo dun libro mítico e que fixo eclosionar a voz dunha autora potente, mais que non foi o suficientemente valorada, e que só foi xulgada por este libro. Nada foi merecedor do Premio Nadal no ano 1944 e relata a vivencia persoal de Andrea, unha moza que chega a Barcelona para estudar Letras e comeza a ver que as súas ilusións se esvaecen no medio dun ambiente de tensión e emocións violentas que reinan na casa da súa avoa. Non podemos evitar comparar esa voz nova de Andrea coa da propia autora, quen gañou o Nadal á idade de 17 anos.
  • Fuenteovejuna, de Lope de Vega: É unha obra teatral moi significativa do Siglo de Oro español e publicouse en 1618. A trama tomouse dun feito histórico real e a día de hoxe está considerada unha icona da “unión do pobo contra a opresión e o atropelo”, xa que se trata dunha historia cun forte contido social e reivindicativo. Nela represéntase a unión do pobo ante a tiranía e a inxustiza no contexto histórico da época. Esa unión exprésase na cita “¿Quién es Fuenteovejuna?-Todo el pueblo, a una”. É pois unha boa proposta para analizar en tempos actuais, cando o pobo debería estar máis unido.
  • Del color de la leche, de Nell Leyshon: esta foi outra das propostas que lemos nun dos nosos clubes de lectura mensuais, e que gustou moito aos participantes. A historia é moi bonita e triste á vez, sobre todo porque a voz da protagonista é a dunha muller que non sabe ler nin escribir e aprende en tempos nos que era mellor ser analfabeta. O libro fala de moitos temas, aínda que prima o da loita contra as inxustizas e o da defensa da escrita e da literatura para lograr ser libres completamente. Nell Blyson constrúe a historia dunha rapariga que é forte, que non se rende e que ten unha voz propia que impacta a toda persoa que ousa entrar en “Del color de la leche”. Porque si, no fondo, esta historia é para valentes. Moi recomendada para unha tarde invernal, cando a chuvia peta na ventá sen atopar consolo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: