
Comezamos o mes de xuño cunha visita moi especial: a do escritor e director da Editorial Galaxia Francisco Castro, quen conversou o pasado martes cos participantes do club de lectura da Axencia de Lectura de Meiro. A verdade é que non hai nada mellor que falar arredor dun libro, ver os debates que se xeran e indagar na xénese da historia coa axuda do propio autor.
Pois ben, Francisco Castro prestounos un anaco do seu tempo para coñecer o noso espazo, no que xa estivera fai uns meses a tamén escritora Inma López Silva, e resultou ser un momento gratificante, marabilloso, que nos encheu de felicidade e que quedará para sempre na nosa lembranza.
O autor vigués presentounos a súa novela Tes ata as dez (publicada en galego pola Editorial Galaxia e traducida ao español por Suma de Letras), na que se conta unha historia de intriga, que comeza cuns estraños correos electrónicos que Toni recibe do seu pai tras a morte deste. Cun arranque así, é imposible que resultemos indemnes, xa que prende en nós a chama do misterio, dese non parar de ler un capítulo tras outro. Ante esta percepción nosa, Francisco Castro móstrase orgulloso e satisfeito, pois ese é precisamente o que motiva todas as súas novelas, en especial esta. “O escritor é un radar” comentou ao tempo que nos revelou que sempre pensa nunha pregunta á hora de crear as súas historias: “Que pasaría se…?”
Francisco Castro é unha persoa de ideas firmes, que busca sempre provocar unha reacción no lector/a cos seus libros nos que sempre se debate de algo. “A miña obra é política, xa que son dos que pensa que os escritores temos a responsabilidade de que o que digamos mellore o mundo”, salientou. No caso concreto de Tes ata as dez, están presentes as referencias directas á literatura, á represión e ao xornalismo, ao amor, ao mundo editorial… e sempre con moitas pinceladas filosóficas que fan que inevitablemente vexamos ao Francisco profesor de hai anos.
O director de Galaxia falounos tamén da importancia que teñen na súa vida os libros, concretamente, os clásicos como A illa do tesouro, novela que confesa “foi a que máis veces lin na miña vida e a día de hoxe aínda me segue sorprendendo.

Con Tes ata as dez, Castro consegue que nos somerxamos de cheo unha historia no que a intriga nos manexa e nos impide parar de ler ata que resolvemos o misterio. Neste sentido, o autor vigués móstrase reconfortado, por ser quen de poder xogar cos fíos en cada momento e ser capaz de prever as sensacións do lector, idea que o acompaña des que con 17 anos decidira ser escritor.
Falamos de moitas cuestións arredor do libro, mais tamén saíron a colación a boa saúde da que goza a nosa literatura. E é que Francisco, como bo editor, e cun gran coñecemento de causa tras moitos anos de experiencia no sector editorial, confesa que “hai que presumir dos nosos autores e autoras, xa que os galegos e galegas xa perdemos o pudor e vai sendo hora de que se nos recoñeza”.
A verdade é que foi unha honra ter a posibilidade de gozar das experiencias compartidas arredor dun libro co seu autor, e desde a Axencia queremos agradecer enormemente a colaboración de Francisco nesta actividade, e desexarlle toda a sorte do mundo nesta súa nova etapa como director de Galaxia e como novelista. De seguro que non lle perderemos a pista!
“As palabras fundan o mundo. Poden destruílo tamén. As palabras e as formas en que son transmitidas. Por iso pode haber –téñoo oído así un cento de veces- murmurios que provocan furados no medio do peito polo que vai entrar, e aniñar un monte de ledicia. E palabras que nos chegan e nos matan. Literalmente.”
Responder